Queridos nenos e nenas de 4.º:
Chámome Carmela e son a avoa dun neno do voso cole. Vivo nun fogar de maiores moi preto de vós e paso moitas horas mirando pola fiestra.
O outro día, mirando para a praza, vin algo que me puxo triste: estaba baleira. Non había nenos nin nenas xogando. Cando eu era pequena, a praza enchíase de risas de mañá á noite.
Daquela xogabamos na rúa todos os días. Á billarda, á buxaina, ás mariolas, ao marro, á corda... Volviamos á casa coas mans sucias e moi cansos, pero felices de verdade.
Sei que os maiores de 5.º están a preparar un xogo interactivo para toda a escola. É unha idea preciosa, pero eles sós non chegan: precisan a vosa axuda.
Vós, en 4.º, podedes investigar os xogos, aprender o seu vocabulario en galego, medir os materiais e construír algúns. Despois xuntádesvos co 5.º no gran festival do 17 de maio, o Día das Letras Galegas.
Así que aquí vai a miña pregunta: queredes ser os axudantes dos Gardiáns dos Xogos e devolver os nosos xogos á rúa?